Saturday 04 de May de 2024

A Pobra dinamiza o ocio da mocidade cunha variada axenda para outubro e novembro


A iniciativa A Pobra Moza! achega á localidade unha serie de propostas que se desenvolverán nos meses de outubro e novembro, coa praza Alcalde Segundo Durán como epicentro. Segundo manifesta o concelleiro da Mocidade, José Andrés Lojo (Nós Pobra), configúrase así unha axenda lúdica coa cal estimular e diversifica-lo ocio da xuventude maior de 14 anos mediante sesións musicais, talleres ou torneos de xogos.

A primeira das accións terá lugar no 21 de outubro, ás 20.30 horas. Consistirá nun Campionato de Futbolín e de Dardos. O prazo de inscrición continúa aberto ata o día 20 a través da seguinte ligazón: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSc3ybFauBIHT5_GKTSfe51U97UndERxAcXRVGXFVsXbrzlqZQ/viewform. Establécense un total de tres distincións en ámbalas disciplinas con vales de compra para empregar en www.deanshop.es: 40 euros para o primeiro posto, 30 para o segundo e 20 para o terceiro. A maiores, contarase coa música da cabina Chocolate ata as 01.00 horas.

O Laser Tag desenvolverase no 4 de novembro, a partir das 17.00 horas, nas inmediacións do parque do Castelo. En caso de chuvia, trasladarase ao toldo da referida praza.

A música converterase na gran protagonista no 11 de novembro coas actuacións de Fuck Poseidón, Majora e Sesión DJ, das 23.00 horas en diante.

Impartiranse no 18 de novembro uns obradoiros de cultura urbana con graffiti e parkour, dende as 20.30 horas.

A programación rematará no 26 de novembro cun dobre torneo deportivo: 3×3 de fútbol sala e baloncesto. Comezará ás 19.30 horas e tamén haberá premios en formato de vales de compra.

Para o Laser Tag, obradoiros e torneos deportivos habilitarase a vía telemática para se anotar.